O proxecto

A Deputación de Lugo desenvolveu o programa InnovaTE2, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, que persegue como obxectivo xeral a cohesión do territorio lucense a través da xeneralización do uso das Novas Tecnoloxías e o desenvolvemento da Sociedade da Información nos municipios da provincia, co fin de contribuír ao desenvolvemento económico e social reforzando a participación cidadá.

Dentro deste programa, a Deputación de Lugo, ao amparo dos artigos 36.1.g e 70.bis.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, puxo en marcha un proxecto denominado Goberno Intelixente para os cidadáns "Rede Provincial de Concellos para o fomento da participación cidadá e a transparencia". Este proxecto que se está a desenvolver na Deputación de Lugo e nos concellos da provincia que voluntariamente se adheriron ao mesmo, ten como obxectivo básico o cumprimento da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, cuxo obxectivo é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública, regular e garantir o dereito de acceso á información relativa a esta actividade e establecer as obrigas de bo goberno que deben cumprir os responsables públicos, así como as consecuencias derivadas do seu incumprimento.

Este proxecto pretende sentar as bases para dar cobertura a unha serie de obxectivos que se resumen en:

  • Facer máis transparente, próxima e homoxénea a administración para os cidadáns e as empresas lucenses.
  • Modernizar o modelo de comunicación e participación, baseándoo na participación cidadá, a avaliación e o seguimento da actuación do goberno provincial.
  • Impulsar a economía local mediante o liderado de iniciativas que sumen esforzos, potencien sinerxias, e que permitan desenvolver as fortalezas e consolidar as oportunidades do tecido empresarial local.
  • Contribuír de forma efectiva a dinamizar a reutilización dos datos públicos (Open Data), que obran en poder das administracións para poñelos a disposición da sociedade.
  • Facer máis eficaz e eficiente o modelo de prestación de servizos públicos aos cidadáns e empresas da provincia, maximizando sinerxias e aforrando custos.
  • Contribuír de forma efectiva á modernización do sector público provincial, mediante a transformación do modelo de xestión e relación interadministrativa entre as administracións lucenses.
  • Dotar de información de valor engadido aos concellos, no seu ámbito de actuación, e aos cidadáns, permitindo visualizar e avaliar de forma efectiva, clara e concisa a xestión provincial e municipal dunha forma integral para poder establecer estratexias concisas.
  • Xeración de valor e riqueza obtendo produtos derivados dos datos por parte de empresas, intermediarios e cidadanía en xeral.
  • Transparencia na Administración Pública, permitindo a reutilización dos datos expostos para analizar e avaliar a xestión pública. Deste xeito mellorarase a transparencia na actividade da Deputación de Lugo e dos concellos da provincia.
  • Colaboración entre administracións, facilitando a creación de servizos para a cidadanía que utilicen datos de diferentes administracións públicas.
  • Ordenación interna da información da Administración, promovendo a eficiencia na documentación e clasificación de datos.

Para iso, no marco deste proxecto estanse levando a cabo as seguintes actuacións:

  1. Estudo da situación actual provincial e deseño da estratexia. A análise abarca aos concellos da provincia que se adheriron ao proxecto e á Deputación de Lugo. Estase analizando de xeito pormenorizado a situación actual dos mesmos en materia de transparencia, goberno, participación cidadá e dos ámbitos ecónomico-financeiro, operativo, TIC legal e reputacional. Ademais, estase deseñando a estratexia e elaborando un plan estratéxico do sector público provincial en materia de transparencia.
  2. Asesoramento integral aos concellos e a Deputación de Lugo, en materia de transparencia, goberno aberto, participación cidadá, goberno e nos ámbitos xurídico, económico-financeiro e en tecnoloxías da información e comunicación (TIC)
  3. Creación dun portal de goberno aberto para a Deputación de Lugo e para cada un dos concellos adheridos ao proxecto, que será a canle que artellará a transparencia de cada administración local e servirá para a publicación de datos e información aberta á sociedade.
  4. Creación dun cadro de mando provincial para poñer a disposición da cidadanía unha serie de indicadores cuantitativos e información cualitativa de interese público.
  5. Accións de xestión do cambio, formación e sensibilización para o persoal da Deputación e dos concellos.
  6. Escoita activa e participación en redes sociais, para ter en conta as opinións dos cidadáns respecto de as actuacións levadas a cabo pola Deputación e polos concellos da provincia, e dar así resposta de forma áxil.

Documentos

Modelo convenio

Corrección de erros

Composición Comisión Provincial de Transparencia